sábado, 11 de marzo de 2017

BIOTECNOLOXÍA II : COMO OBTER UN ORGANISMO TRANSXÉNICO

Déixovos varias  animacións  sobre o proceso a seguir para a obtención de organismos transxénicos:

Animación 1: Recursostic CIDEAD 


Imaxe inferior : obtención dunha planta transxénica resistente a insectos:

























1º- Íllase un xene  que codifica a produción dun insecticida  natural. Neste caso, o organismo doador do xene de interese (CRY) é unha bacteria  chamada Bacillus thurigiensis.

2º- Insértase o xene CRY nun plásmido da bacteria Agrobacterium tumefaciens, que produce infeccións en plantas.  Estes plásmidos  constitúen o vector de transferencia.

3º- Reintrodúcense os plásmidos modificados en Agrobacterium. Estas bacterias ao reproducirse en cultivo, multiplican o xene CRY.

4º- Inféctanse  células vexetais con cultivos de Agrobacterium modificadas . Algunhas delas incorporarán o xene CRY no seu ADN.

5º- Estimúlase ás células vexetais modificadas  a desenvolver novas plantiñas, que levarán o xene CRY.

Ao expresarse o xene CRY nas plantas transxénicas , estas producen  o insecticida. Cando estas plantas se cultiven  no campo, non será necesario aplicar insecticidas.

O proceso en versión animada: Animación 3

BIOTECNOLOXÍA I: ORGANISMOS TRANSXÉNICOS

Como se expresa a mensaxe xenética?

Como sabedes, o fenotipo  dunha célula (ou dun individuo) é conxunto dos seus  trazos  ou caracteres observables.  O fenotipo é  o resultado da expresión dos xenes  nun determinado ambiente. O soporte material dos xenes é o ADN , que nas células eucarióticas está aloxado no núcleo ,de onde non pode saír . 
Se ben a causa última do fenotipo  é a información contida no ADN, a causa inmediata son as proteínas.  As proteínas son as obreiras ou máquinas especializadas  que executan todas as accións necesarias para que a célula funcione . É a presenza  ou a actividade das súas proteínas a que fai que unha célula sexa como é, é dicir, que teña un determinado fenotipo.
Pero, posto que  a información está no ADN , as instrucións para fabricar as proteínas deben estar no ADN, nonsí?. Cal é  entón  a ruta que percorre a información xenética  para materializarse  finalmente en forma de proteínas? . Dado que as proteínas se sintetizan no citoplasma celular , como se transfiren ate aí as  instrucións para facelo , estando o ADN confinado no núcleo?

Foi Francis Crick, un dos descubridores da estrutura do ADN, o primeiro en describir a ruta  pola que flúe a información xenética   dende o ADN ate a súa expresión final  en forma de proteínas  . Crick bautizou a esta ruta  como "Dogma Central da Bioloxía", e estaría integrada por tres procesos: replicación, transcrición e tradución.










A replicación é o proceso polo que o ADN fai copias de si mesmo coa finalidade de transmitir información xenética á descendencia.  Exercicio interactivo sobre a replicación do ADN
A transcrición  é o copiado de  ADN a ARN mensaxeiro, quen se encarga de  transportar a información  ao citoplasma .
A tradución é a lectura e decodificación do ARN mensaxeiro para sintetizar unha proteína . Exercicio sobre tradución