lunes, 6 de octubre de 2014

O tempo xeolóxico

Abrimos o blog para este curso 2014-15 cun pequeno resumo dos contidos que estivemos vendo nestas primeiras semanas. Este ano comezamos a materia pola xeoloxía, a ciencia que estuda a Terra concebíndoa como un planeta dinámico .  O noso planeta tivo unha orixe, pero dende entón  sufriu cambios de todo tipo: na composición da súa atmosfera, na distribución de oceanos e terras emerxidas, no relevo, na vida... O tempo xeolóxico son os 4550 millóns de anos (Ma) de idade que ten a Terra. Os xeólogos  dividen esta vasta cantidade de tempo en etapas máis pequenas : eóns, eras, sistemas ou períodos, etc, que constitúen a táboa cronoestratigráfica ou calendario  xeolóxico.  Cada ano, a comisión internacional de estratigrafía actualiza  este calendario. Premede no vínculo para acceder á actualización de 2014. Esta actualización ainda non ten traducción ao español , así que aquí tedes a do ano 2013, que está traducida. Pero se queredes unha versión máis sinxela, aquí tedes o calendario editado hai uns anos polo Museo Geominero, e que temos colgada no taboleiro da aula. Lembrade que se vos desprazades de arriba a abaixo retrocededes no tempo, e que se vos movedes de abaixo a arriba, avanzades no tempo; unha tradición derivada do principio  ou lei da superposición normal dos estratos, enunciado por Steno.

Imaxe tomada de:  http://www.geovirtual2.cl/geologiageneral/ggcap10.htm